O CON DA VENTUREIRA E AS VIAXES Ó MÁIS ALÁ
Comezarei este artigo, a xeito de introdución, facendo miñas as palabras do sabio Mircea Eliade cando dicía que:
Para o home relixioso, a natureza está sempre cargada dun valor relixioso, e isto é así porque o Cosmos é unha creación divina e, xa que logo, o mundo está cargado de sacralidade. O Mundo preséntase de tal xeito que, ó contemplalo, o home relixioso descubre os múltiples modos do sagrado e, por conseguinte, do Ser. O Mundo ten unha estrutura, non é un caos e a Terra preséntase como a nai e nodriza universal. Por todo iso, dende esta óptica, o natural está indisolublemente ligado ó sobrenatural e a natureza expresa sempre algo que a transcende.
Debido a esta idea, que o home relixioso sacralizase determinados accidentes xeográficos, que percibise en rochas peculiares a presenza do divino ou que estas primixenias deidades adoitasen asociarse a grandes rochas ou cons non sería algo casual pois a pedra representa o imperecedoiro, o inamovible, o eterno. A pedra era o único da natureza que, a ollos dos primeiros poboadores, permanecía inalterable, de aí que se identificasen coa deidade, sobre todo cando estas grandes rochas presentaban características morfolóxicas peculiares, como feitura de grandes ovos ou de ventres fecundos que evocaban ideas de renacemento, ou cando presentaban aspecto figurativo que puidese incitar a algún tipo de asociación especial de corte máxico-mítico. Non deben estrañarnos este tipo de asociacións que foron relativamente habituais no seu tempo. Como exemplo, poderiamos lembrar que a deusa Cibeles se representaba inicialmente como unha grande rocha negra.



