Os gregos cando consultaban o oráculo de Trofonio tiñan que beber en primeiro lugar da Fonte do Esquecemento (Lete) para borrar da memoria todo canto lles pasara anteriormente na vida. A continuación entraban nunha cova onde experimentaban o pánico que produce o transo da vida á morte, para a continuación recuperar o visto e o vivido bebendo auga da Fonte da Memoria (Mnemósine). Ese horror transitorio que se apoderaba do consultante do oráculo cando se desprendía da memoria (lémbrese o mito do Río do Esquecemento acontecido no noso Limia) representa a necesidade humana de ter lembranzas dun pasado para conformar unha identidade no presente.
Mais esquecemento e memoria, sendo contrapostos pois un inhibe ao outro, son valores aliados e complementarios. Non todo debe fiarse á memoria nin todo debe entregarse ao esquecemento. Como na Cova de Trofonio, a experiencia debe ser o árbitro que concilie un desexable equilibrio entre unha e outra facultade.
A memoria é, xa que logo, imprescindible pero, como dicía Nietzsche, fiar todo á memoria pode matar. A memoria é fráxil, voluble, alterable e vulnerable, e, a pesar de todo isto, constitúe a argamasa imprescindible da nosa identidade.
A memoria e a identidade son representación subxectivas da realidade, mais, coidado coas fontes da memoria. Non é o mesmo alimentar a memoria lendo textos de historia, escritos para que os sucesos do pasado, como afirmaba Heródoto, non queden no esquecemento, ca beber directamente da memoria viva, froito das experiencias e da tradición.
Esta é unha das grandes razóns, non a única, pola que o Consello Directivo da AELG decide aló polo ano 2006 crear nun primeiro momento unha vogalía e logo unha sección de Literatura de Tradición Oral.
Hai outras razóns, evidentemente. Sabemos que a memoria popular e a memoria das elites, que sempre se preocuparon por conveniencia pola conservación da súa memoria de clase, non son as mesmas.
Os historiadores e os arquivos apenas reparan nas memorias da xente do común así que a conformación da nosa identidade como galegos e galegas non pode depender só das interpretacións, máis ou menos certeiras, dos historiadores que desde este ou outro presente indagan e interpretan un pasado máis ou menos recuado. Os saberes que se acumulan na memoria viva da xente e nas súas tradicións, no que se lembra e representa do pasado máis próximo, ten significado no presente e, por tanto, utilidade para o inmediato futuro.
Aos poucos, paseniño, nestes anos fomos poñendo en marcha proxectos de investigación e divulgación como as Xornadas de Literatura de Tradición Oral, que se veñen celebrando en Lugo desde o ano 2008. Creamos as Polafías, un proxecto que, inspirado nos antigos costumes de reunión para contar ou cantar (polavilas, fías, seráns …), nos leva agora por aldeas, parroquias e vilas para, coa axuda indispensable de moitos colaboradores, motivar a recuperación da transmisión de historias, contos, lendas, romances, músicas ou historias de vida. Das vinte e tantas gravacións destas sesións naceu o arquivo da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, que conta agora mesmo con máis de 500 vídeos accesibles libremente para quen o desexe.
E outra consecuencia máis deste proxecto, o arquivo e os premios “Mestres da Memoria”, cos que tratamos de detectar e recoñecer como se merecen aqueles homes ou mulleres que nos amosan un grao de excelencia na transmisión dos saberes propios da nosa cultura popular. Así mesmo, botamos andar os Obradoiros de Narración Oral, unha variante especializada da Escola de Escritor@s da AELG que conta con moita aceptación. A estes habería que engadir outros proxectos menores como a revista oral Letra das Festas, que se desenvolve en Lugo como un acto máis do programa de festas de San Froilán desde o ano 2011.
Con estas e outras actividades son moitos os colectivos e persoas relacionados co estudo, investigación e recreación da tradición que participan dos nosos proxectos. Unha comuñón de intereses e obxectivos que nos fortalece a todos, que nos dá esperanza e ánimo para non perder o paso, nestes tempos nos que calquera descoido pode derramar de vez e para sempre as formas culturais que nos identifican e ata a mesma lingua na que se expresan e transmiten.
A sección de literatura de Tradición oral da AELG procurou desde os inicios da súa andaina crear espazos, desenvolver proxectos onde a memoria viva e a identidade que nos é común a galegas e galegos se manifeste, a ser posible, de viva voz. Cremos na oralidade como soporte de comunicación básico, primordial, onde a nosa lingua resiste, moito máis liberada de prexuízos que noutros ámbitos os embates do desprezo da cultura oficial. Cremos na literatura popular de tradición oral e nos que a aprecian, recrean e transmiten, pois sen eles, a nosa lingua tería morto hai xa moito tempo.
Cremos, en resume, que a auga da Fonte da Memoria adormece os efectos sempre perigosos da outra auga, da que gurgulla da Fonte do Esquecemento.