É certo que o debate vén de vello, pero poderiamos atopar un antepasado máis ou menos moderno na conferencia que o físico inglés Charles Percy Snow ofreceu en 1959 provocando unha gran discusión mundial: a charla chamábase As dúas culturas e denunciaba a excesiva distancia entre as ciencias experimentais e naturais fronte as humanidades e a súa consecuencia inmediata: esa división do coñecemento en compartimentos estancos impedía ou retrasaba a resolución de problemas de alcance mundial.
As dinámicas da ciencias técnicas e das humanidades adoitan seguir camiños diferentes pero paralelos; digamos que debido á estrutura administrativa que sostiña ata agora o seu financiamento non era preciso o encontro entre as ciencias e as letras, pero tampouco entre ningunha delas e o público. Sen embargo, é o público, ou os cidadáns, os principais e últimos destinatarios da produción científica.
Se cadra é nas ciencias do pasado, e nomeadamente na arqueoloxía, onde estamos a vivir desde hai unhas décadas un interesante movemento de confluencia entre as disciplinas humanísticas, as das ciencias físicas e a divulgación ao público. Se a arqueoloxía precisa comprender, cada vez máis, as técnicas que nos permiten comprender os procesos de preservación e transformación da materia física ao longo do tempo, non o é menos que mirar cara atrás, cara o noso propio pasado, é un dos elementos de maior fascinación para o público.
Na primavera e verán de 2012 un grupo de institucións políticas, empresas e departamentos universitarios, canda a comunidade local de Lira e Carnota, emprendimos o proxecto Torre dos Mouros. Tratábase de investigar unha enigmática fortificación a máis de 300 metros de altura sobre o bravo mar da Costa da Morte, pero non se trataba dun experimento unicamente arqueolóxico, senón que xiraba ao redor das narrativas que relataban o proceso científico de descubertas. Tratábase de integrar o coñecemento mitolóxico que existía sobre este fermoso lugar, coa narrativa da descuberta paulatina das estruturas arqueolóxicas e do grupo humano que levaba a cabo o proxecto. Pódese ver o proxecto no web.
Desenvolvimos formas híbridas de narrar: desde a actualización dos conceptos míticos sobre o lugar para a súa transmisión ao público de menor idade, ata o emprego intensivo das redes sociais para dar conta dos métodos arqueolóxicos. A existencia dun guía especializado que actualizaba diariamente o seu relato sobre o xacemento –compáreno con esoutros guías das grandes capitales turísticas que levan vinte anos repetindo o mesmo chiste na mesma lousa da rúa- permitíanos coñecer como o público interpretaba a actividade arqueolóxica. As detalladas estatísticas proporcionadas por redes sociais como Facebook ou Youtube permitíanos coñecer que elementos, que conceptos narrativos, que personaxes e que tramas funcionaban de xeito máis axeitado.
A ciencia do presente precisa establecer vínculos máis directos coa sociedade, e iso será cada vez máis necesario, toda vez que o patrocinio pode ser unha importante vía de financiamento para o futuro. A integración de procesos de storytelling, de narración de historias en diferentes fases do proxecto de investigación, será determinante. Non se tratará, con todo, de edulcorar e simplificar a mensaxe dos científicos para facela comprensible coa mínima alteración posible, senón de conectar esa mensaxe, eses resultados, con algo que os contadores de historias saben moi ben desde hai séculos: coas inquedanzas, anceios, soños e imaxinacións que o home constrúe a diario.