Versión en castellano
(A seguinte reflexión é a dunha persoa que ten presente a realidade e a ficción galega como material de existencia, consciente e inconsciente, e que, polo tanto, se considera parte dunha tradición cultural á que remitir as súas imaxes, os seus soños, as súas fantasías, as súas vivencias)
“E agora ando soñando por oficio, e non sei
se son eu quen soño, ou é que por min soñan
campos, olladas azúes, pombas que xogan cun neno,
ou unha man pequena e fría que me aloumiña o corazón”
Álvaro Cunqueiro
 

Eu ando contando contos por oficio desde hai case vinte anos, a metade da miña vida, e iso é tanto como dicir que levo a metade da miña vida facendo realidade a ficción e viceversa, ou polo menos, esvaendo aínda máis os límites entre unha e outra. Para alguén coma min, que sempre confiou na fantasía como lugar onde atopar respostas ás preguntas que se che poñen por diante cada día; para alguén coma min, que vive aquí, pero imaxina outros lugares, outras xentes, outros conflictos; para alguén coma min, a quen lle encanta descubrir ou crear misterios; para alguén coma min, os contos supoñen alimento e riqueza para o corpo, pero, sobre todo, para o espíritu. E é por iso que confío, ou desconfío, en non morrer de todo, senón que algo de min quede nas persoas que algunha vez escoitaron unha das historias que eu transmito. Ademais, non sei por que, algo me di que durante un tempo serei pantasma, ou ánima errante, non sufrindo nin penando, senón buscando máis historias, máis contos que contar, por esta sede eterna que se nos esperta e non se apaga a quen temos o oficio de narrar. 

A miña sede de contos naceu sendo nena, como supoño que acontece sempre. Eu non tiña boa saúde daquela e pasaba moito tempo na casa, aburríndome. Aburríame tanto que empecei a ler os libros que alí había. Miña nai e miña avoa non me facían moito caso, porque eu era unha nena tranquila, que nin sequera protestaba cando pedía un conto e lle dicían que os contos non eran para nenas grandes coma min, que eran para nenas pequenas (Como sabemos, a diferenza entre “grande” e “pequeno” é bastante relativa, sobre todo tratándose de nenas e, por outra banda, este tipo de opinións están moi extendidas e, no meu caso, claramente equivocadas) . Así que eu non son unha boa representante da tradición oral, se entendemos como tradición oral a escoita de contos que despois serán contados de novo por quen escoita. Que eu lembre, nesa etapa da miña vida, a infancia, só me contaron un par de contos, e eses gárdoos no repertorio coma ouro en pano. Pero o que si é verdade é que a miña familia era e é moi amiga de conversas, de cancións, de chistes, de retranca. Agora penso que o que nos faltaba era paciencia para fiar unha historia, ou, polo menos, para parar o tempo un intre e esquecer as rutinas. O caso é que eu atopei a auga que me calmaría a sede de historias nos libros e, pouco a pouco, fun creando o meu propio imaxinario.

A partir dalgúns sucedidos que contaba meu avó e que miña avoa afirmaba como totalmente certos, cando estaba na cama cos ollos abertos, pero a luz apagada, escoitaba pasos no tellado, e salaios no vento, e ata os ouveos dos cans me facían pensar en que alá fóra, ao redor da casa, había ánimas de defuntos que non atopaban descanso e que viñan buscarme, ou darme un susto de morte, porque a súa única intención era aterrorizarme (así de egoístas e de irracionais nos volve o medo). Coa noite chegaban as sombras que ameazaban desde as paredes, a luz da lúa facía das bonecas seres de negras intencións e ata a néboa que subía do mar parecía que viña cubrirme e facerme desaparecer para sempre. 

Os medos son algo que gardamos mesmo sen querelo e que aínda hoxe nos volve pequenas e pequenos, por iso moitos dos contos que eu conto intentan provocar ese arrepío que lembro tan ben, para borrarnos a importancia que se nos queda pegada na roupa e facernos sentir os pelos de punta. Contamos o que somos, e eu son as noites de inverno na casa dos meus pais, e son quen lle falou de Merlín á miña irmá, e da maxia, e das portas que nos levan a outros mundos neste, porque coa chegada da miña irmá descubrín que era eu quen lle tiña que quitar o medo cos contos, coas palabras, para que puidese durmir tranquila e non andar sonámbula polos cuartos. Coa miña irmá, a noite deixou de ser unha ameaza para converterse nunha aliada, xa que na escuridade todo é posible, alí agóchanse todas as sorpresas, todos os misterios.

Agora penso na primeira vez que escoitei un conto sendo “grande” e nesa sensación de recoñecer persoas, cheiros, lugares, coma se quen contaba abrise unha porta cara ao meu imaxinario, o que eu fora creando coas palabras que me chegaran, polo aire ou polo papel, coas miñas emocións, cos meus sentimentos. E iso tan íntimo fora quen de conseguilo alguén que non coñecía, só coa súa narración. Foi daquela cando me recoñecín parte dunha tradición, e cando souben que a sede das historias vai sempre canda nós, porque así somos, persoas con pés para andar na terra e cabeza para perderse nas nubes. O único que podo facer para calmar a miña sede é buscar contos. O único que podo facer para calmar a sede dos demais é contar.

 

Paula Carballeira