descargar en pdf castelán – cataláneúscaro 

 

PREÁMBULO

A narración oral está considerada pola UNESCO Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade. O colectivo de narradoras e narradores orais profesionais traballa ao longo do ano para levar os contos contados a todos os recunchos deste país, desde os grandes teatros en cidades populosas ata escolas unitarias en lugares de poucos habitantes, desde bibliotecas empeñadas en manter viva a palabra falada cunha programación continua, ata os grandes eventos e festas da narración oral que convocan milleiros de persoas e que se celebran de ano en ano.

Esta é unha actividade artística de proximidade, humilde e de fonda tradición que se soubo adaptar aos cambios e ás circunstancias a pesar do seu carácter efémero e fráxil. Con todo, a crise provocada pola pandemia do Covid-19 preséntase coma unha seria ameaza para o noso oficio. 

Non supuxo só o cese da nosa actividade no inicio da nosa tempada alta, senón que nos aboca a uns meses sen posibilidade de traballar e, por riba, de obter ingresos. Nestes momentos, as previsións máis optimistas (unha vez coñecido o plan de desescalada do Goberno) para a volta con certa normalidade, ao noso traballo, falan do último trimestre do presente ano, pero a aparición de novos brotes pode alongar os ceses ou o traballo precario ata mediados ou finais de 2021. É moito tempo, demasiado. Sen  unhas condicións mínimas, cando todo isto pase, este colectivo de profesionais da narración oral podería quedar moi esgotado ou, directamente, podería ter desaparecido.

Por este motivo elaboramos o presente documento que inclúe unhas propostas económicas que consideramos básicas para a supervivencia das narradoras e narradores orais profesionais.

 

PROPOSTAS ECONÓMICAS Á SEGURIDADE SOCIAL

 

Prórroga da PRESTACIÓN POR CESE DE ACTIVIDADE ata a autorización de reinicio da nosa actividade económica, con posibilidade de prórroga da moratoria hipotecaria e acceso ao bono social eléctrico. Nunha porcentaxe do 70% das bases de cotización, ou no seu defecto do 50%. Esta prestación tería que ser compatible cos ingresos que se puideran ter se quen a percibe traballa temporalmente noutro sector, ou se percibe axudas a autónomos de calquera outra entidade pública.

Esta petición é debida a que, unha vez levantado o estado de alarma, a posibilidade de organizar actos con afluencia de público permitirase progresivamente (por zonas e con posibilidade de novos ceses ante novos brotes). Consideramos que a Administración Pública debe ter en conta que este proceso afectará directamente aos traballadores da cultura.

Por outro lado, é previsible que, durante un período amplo de tempo, as administracións públicas e privadas non organicen nin programen espectáculos de narración oral, polo tanto, moitos profesionais do noso colectivo non terán posibilidade de traballar durante ese período que, insistimos, se estenderá varios meses despois da finalización do estado de alarma e o  correspondente cese forzoso de actividade. 

 

PAGO DE AUTÓNOMOS POLA BASE MÍNIMA que se aplica para novos autónomos, desde o momento que se nos permita levar a cabo a nosa actividade económica ata pasado un ano. No seu defecto posibilidade do pago só dunha porcentaxe reducida. 

Para os narradores e narradoras orais o tempo de verán é de moi pouco traballo, de feito o normal é cubrir todos os gastos destes meses co que gañamos na primavera, a nosa tempada alta. E no outono volve, pouco a pouco, a actividade, ata volver decaer a finais de decembro e ao longo de xaneiro.

Atendendo ao plan previsto de desescalada que presentou o Goberno, espérase que se levanten progresivamente as medidas contra a pandemia (en función de zonas e posibles rebrotes) a principios do verán, tempo que, para nós, xa supón tempada baixa ou, directamente, ausencia de traballo. Polo que, para o noso colectivo, non se recuperará o traballo ata finais do ano 2020, con sorte e con certa normalidade a partir do ano 2021. Para esas datas será preciso recomezar todos os contactos, labor de comunicación e promoción, etc., polo que, polo menos durante un ano, para nós será como arrancar de novo, despois de moitos meses de parón. E a nivel de ingresos mentres todo iso ocorre será coma se nos désemos de alta na actividade por primeira vez.

Esta medida debería aplicarse aos profesionais autónomos e autónomos societarios.

 

PROPOSTAS ECONÓMICAS ÁS INSTITUCIÓNS PÚBLICAS

 

MANTEMENTO DOS ORZAMENTOS DEDICADOS A CULTURA E EDUCACIÓN nas entidades locais e autonómicas. É dicir, que o aprazamento dunha sesión de, por exemplo, o mes de abril ao mes de outubro, non implique que en outubro non se contrate, tamén, outra función con outro narrador se esa función estaba contemplada previamente no plan do ano. Ou no seu defecto: posibilidade de facturar entre un 50% e un 80% da cantidade presupostada no caso de que a actividade se suspenda definitivamente.

E desta maneira permitir que siga habendo ingresos e poidamos afrontar todos os gastos previstos e imputables á nosa actividade (vehículo de empresa, aluguer de despacho, teléfono, páxina web, nómina, etc.) Neste sentido é fundamental que se inste ás administracións e institucións contratantes para que paguen canto antes as facturas pendentes de pago de funcións xa realizadas.

En calquera caso que non se perdan as partidas orzamentarias destinadas en 2020 para a cultura nin se destinen a outros fins.

 

Lanzamento dun PLAN ESPECIAL DE ACCIÓNS CULTURAIS, por parte do Estado, Comunidades Autónomas, Diputacións, Cabildos e Concellos . Durante os 12 meses seguintes ao levantamento do estado de alarma.

Segundo os últimos informes dos axentes económicos, o sector cultural será un dos que terá maiores dificultades para recuperarse despois do desastre provocado polo Covid-19. Por iso consideramos que será necesario realizar un esforzo extra de apoio. Se non é posible incrementar os fondos dedicados á cultura en 2020 por ter os orzamentos comprometidos, solicitamos un incremento dos fondos dedicados á cultura para o exercicio orzamentario de 2021.

En calquera caso é un bo momento para volver insistir a todas as administracións e entidades culturais sobre a importancia de contratar a profesionais da narración oral: o artista profesional crea emprego, paga os impostos para o sostemento do sector público, promove espectáculos de calidade e aposta pola dignificación do oficio artístico.

 

XERACIÓN DE LIÑAS DE FINANCIACIÓN ESPECÍFICAS PARA CULTURA. Tanto en crédito e préstamo avalado, como en subvencións directas á produción.

Con independencia das liñas existentes de financiación para a actividade actual e a xestión cotiá das nosas empresas, o maior problema que presenta o noso sector é o de dispor de fondos para afrontar novas creacións e proxectos, xa que despois deste período os nosos fondos desaparecerán. Xa que logo, cremos que é necesaria a apertura dunha liña específica de apoio para o colectivo de profesionais da narración oral.

Dentro das liñas de financiación específicas para a cultura pedimos que se teña en conta a narración oral coma unha arte específica e diferenciada doutras artes escénicas  teatro, danza, circo, etc.).

 

O colectivo de narradoras e narradores orais profesionais demanda que as autoridades competentes teñan en conta a crítica situación á que se ve abocado este sector ante as circunstancias excepcionais derivadas do covid-19 e propón as medidas expostas co obxectivo de diminuír o impacto negativo desta situación no sector e protexer o desenvolvemento da narración oral profesional, un ben cultural necesario para a nosa sociedade.

 

Este manifesto está firmado por todas as asociacións de narración oral de España: AEDA, Asociación de profesionais da narración oral de España- ANIN, Associació de narradores i narradors (Cataluña)- GNOA, Gremio da narración oral en Andalucía- MANO, Asociación madrileña de narración oral- NANO, Narradors amb narradores organitzats (Comunidad Valenciana)- NOGA, Colectivo de narración oral galega- TAGORAL, Asociación canaria de narración oral.

todos logos