descargar en pdf      castelán – cataláneúscaroasturián – inglés 

 

As persoas que nos dedicamos a contar historias unímonos para mandármosvos unha mensaxe de apoio e solidariedade a toda a sociedade ante a crise derivada da doenza por coronavirus, COVID-19.

Como os personaxes dos mellores contos, atopámonos en medio dunha densa fraga coa sensación de que o lobo axexa na escuridade. Pero sabemos que non estamos solos porque sempre aparecerá alguén que nos axudará a saír da fraga ou da barriga do lobo. Nesta historia todos e todas contamos e a nosa solidariedade, esforzo e coidado colectivo son os nosos esconxuros contra o virus e os seus efectos.

Xa que logo, as contadoras e contadores de historias pedímosvos que contedes, argalledes, leades, e escoitedes contos, anécdotas ou sucedidos

para enganarmos o tempo,

para viaxarmos sen saír da casa,

para sorrirmos ou tremermos coas aventuras máis incribles,

para lembrármonos das persoas maiores e de todas as historias que nos contaron,

para recoñecérmonos na ledicia, na mágoa ou no medo,

para deixar que por un intre o mundo siga xirando e que non importe máis nada que estarmos xuntos nese momento.

Pola nosa banda, seguiremos inventando e contando contos nas nosas casas e a través das redes. Non sabemos aínda o remate desta historia nin tampouco se comeremos perdices, pero o que abofé sabemos é que o medo que sentimos é compartido e non nos converte en menos valentes, fainos máis humanos. 

Como os personaxes dos mellores contos, algún día, cando todo isto pase, ficaremos transformados e teremos novas historias que contármonos.

Pois a narración de contos é un bálsamo para os días do confinamento, con miles de anos de eficacia probada, e dunha volta máis ha reunir á humanidade arredor do lume, mentres dure a noite.

 

Este manifesto foi elaborado en marzo de 2020 por representantes de todas as asociación de narración oral de España: AEDA, Asociación de profesionales de la narración oral de España – ANIN, Associació de narradores i narradors (Cataluña) – GNOA, Gremio de la narración oral en Andalucía – MANO, Asociación madrileña de narración oral – NANO, Narradors amb narradores organitzats (Comunidad Valenciana) – NOGA, Colectivo de narración oral galega – TAGORAL, Asociación canaria de narración oral. 

todos logos