castelán

O Colectivo de Narradoras e Narradores Orais de Galicia.

Integrado por 52 profesionais, asociacións, empresas galegas e cooperativas dedicadas á narración oral e que habitualmente desenvolven parte importante do seu traballo nas bibliotecas de Galicia ao abeiro do programa Ler Conta Moito que promove a Dirección Xeral de Políticas Culturais

Manifestan


A profunda preocupación polo decorrer do devandito programa que ano a ano atrasa a súa convocatoria con serias consecuencias para o colectivo.

No 2018 os narradores e narradoras participantes no catálogo só puideron ser contratados nos meses de maio (dende o día 16), xuño, xullo, agosto, setembro e outubro.

No 2019 imos camiño do mesmo xa que o prazo para que as bibliotecas poidan solicitar as actividades que están inscritas no programa abre hoxe, 1 de abril.

Queremos, por outro lado, sinalar a sorprendente falta de coherencia dun programa que intenta fomentar as actividades que se circunscriben ou potencian datas culturais significativas tal que o día da Muller (8 de marzo), o día da Narración Oral (20 de marzo), o Día da Poesía (21 de marzo), o Día do Libro Infantil e Xuvenil (2 de abril), o Día do Libro (23 de abril), o Día das Letras Galegas (17 de maio), o Día da Biblioteca (24 de outubro), o Día contra a violencia de xénero (24 de novembro) cando a maioría das devanditas datas quedan fóra das posibilidades reais de programación o que significa unha grande perda de carga laboral no colectivo.

Temos que sumar ademais o tempo de ensaio, investigación e preparación dos espectáculos e a inversión en escenografía, libros e vestiario xa que os profesionais da cultura realizan propostas que se acollen ás peticións das institucións para determinadas celebracións, pero que logo de facto esas propostas non teñen cabida, pois a propia institución exclúe as devanditas datas do período de programación.

O colectivo perdeu no ano 2018 cerca dun 22% da súa facturación, chegando nalgún caso particular ao 50%.

Un programa que ten por obxectivos fortalecer a biblioteca como espazo de relación e fomentar a lectura como fonte de coñecemento, entre outros, non se pode reducir practicamente aos meses do verán cando, como é obvio, decae notablemente o número de usuarios das bibliotecas.

Os usuarios das bibliotecas perden programación de actividades culturais nos meses do outono e do inverno, meses nos que o público é máis proclive a asistir ás bibliotecas.

Non estamos en contra da programación de verán, pero avogamos porque esta se estenda a todo o ano e así as bibliotecas poidan confeccionar os seus calendarios de actividades cando mellor consideren e sexan máis efectivas para os seus obxectivos de fomentar o hábito da lectura, fortalecer o papel das bibliotecas como espazo de relación, consolidar as súas programacións sabendo que van contar en calquera mes co respaldo dos fondos públicos postos en funcionamento a través de Ler Conta Moito, promover o desenvolvemento cultural como vehículo para o crecemento persoal e colectivo e valorar a lectura como elemento de coñecemento e reflexión, obxectivos que están no cerne do programa.

Propoñemos:

Que os fondos públicos que se invisten nas actividades de Ler Conta Moito, 345.000 € no 2019:

  • Se rendibilicen estendendo o programa a aqueles meses nos que hai máis afluencia de público ás bibliotecas e máis demanda deste tipo de actividades.
  • Sexan investidos, abrindo a posibilidade de que cada biblioteca poida decidir en que momento do ano serán máis efectivas as actividades que se programen, acorde á súa singularidade local.
  • Axuden a consolidar a profesionalización dun sector que non só é sostible, se non que xenera empregos directos en diferentes áreas que o alimentan.
  • Que o catálogo de actividades de Ler Conta Moito 2020 estea dispoñible na segunda quincena de novembro de 2019 para que as bibliotecas sexan capaces de deseñar as súas programacións xa para todo o ano, e os artistas poidan levar a cabo a súa actividade de creación e investigación coñecendo os tempos e prazos nos que levarán a cabo os espectáculos, obradoiros e demais actividades creadas específicamente para o Catálogo.

Feitos que indubidablemente redundarán na consolidación destes programas que deixarán de navegar no mar da incertidume actual de non saber cando se vai poder programar, no caso das bibliotecas, ou traballar, no caso dos profesionais do colectivo.

Existiría a posibilidade de que unha vez dispoñible o catálogo para todo o ano, as bibliotecas realizaran as súas programacións en dous prazos: 1º e 2º semestre. Isto non debería supoñer dificultade ningunha para a Administración, xa que así funciona, por exemplo, a Rede de Teatros e Auditorios de Galicia.

No 2018 Ler Conta Moito chegou a 223 bibliotecas con 761 actividades, sendo un programa exemplar desde o punto de vista da democratización cultural de Galicia. A gran versatilidade e variedade das propostas ofertadas, a amplitude xeográfica onde chegan, o número enorme de receptores, a súa facultade de dinamizar desde a biblioteca a vida cultural de pequenos núcleos de poboación e a cantidade de profesionais implicados no programa Ler Conta Moito, fan necesaria a revisión do mesmo para tratalo co respecto que merece e optimizar os recursos.

Dende o colectivo de narradoras e narradores orais estamos abertos a

reunírmonos con quen corresponda coa fin de buscar unha solución axeitada para lograr unha mellora na programación de actividades que beneficie a todos os sectores implicados e en especial aos usuarios das bibliotecas.

Asinado por

TrinkeTrinke Teatro. Anxo Moure. Raquel Queizás. Cris de Caldas. Olga Abad. Pedro Brandariz. Andrea Bayer. Angeles Goás. Carmen Conde. Marta Ortiz. Brais das Hortas. Larraitz Urruzola. Ana Meilán. Andrea Meyer. Nekane Fernández. Cris Collazo. Iseo a Moura. Fran Campos. María Iglesias. Charo Pita. Pavis Pavós. Esteban Acuñas Tarabelos. Chus Alvarez. Vanessa Rivas Isabel Rey. Kukas. Caxoto. Lorena Pinheiro. Avelino González. Polo Correo do Vento. Ana Carreira. Monica e Juan de Juste. Servando Barreiro. Fátima Fernández. Vero Rilo. Dani Blanco.
Celso Sanmartin. Inacio Vilariño. Ramiro Neira. Paula Carballeira. Atenea Fernández. Lois Pérez. Gonçalo Guerreiro. María Torres. Ernesto Is. Pablísimo. Santi Prego. Quico Cadaval. Soledad Felloza. Isabel Risco. átima Villamel. Cándido Pazó. Pablo Díaz. Eduardo Rodríguez Cunha. Bea Campos.