castelán

Os galegos, de chorar, choramos os sete chorares, e de falar, falamos os sete falares.

Había ben tempo que tiñamos o desexo de que a nosa cidade fose o eco das historias da nosa tradición e por suposto das doutras culturas que ao cabo son as mesmas. A nosa pretensión era acadar esa emoción que nos transmiten os contos.Escollemos horas e cenários que contribuísen a facelo case perfecto porque na nosa cidade pódense contar e escoitar historias ao carón da muralla que alá polo medievo arrodeaba Pontevedra, nas ruínas dun mosteiro, tamén no edificio civil máis antigo da cidade que seica agocha no seu pozo o tesouro dun coñecido pirata da nosa terra, ou mesmo debaixo da terra.

Foi na primeira fin de semana do mes de xuño do ano 2012 cando fixemos realidade a primeira edición de Sete Falares, un encontro de contadores de historias.

A resposta da xente superou as nosas previsións, tivemos a sensación de que nesa fin de semana na nosa Pontevedra non se falaba doutra cousa, na resaca chegaron os parabéns e no noso balance quedou acordado que había que preparar a seguinte.

Nesta cidade ao longo do ano hai numerosas actividades relacionadas cos contos, moitas delas van dirixidas a público infantil e a asistencia a todas elas é masiva. Aí xurdiu a idea, ao ver a ilusión coa que os adultos acompañaban aos seus pequenos. Pensamos en como lles prestaría a eles recuperar ese momento de se sentar, parando o tempo para escoitar una historia.

Dende un principio buscamos o achegamento á lusofonía. Temos a sorte de ter un idioma común, o galego, que compartillamos con máis de 300 millóns de persoas  e que nos abre posibilidades inmensas. Por iso dende a primeira edición do festival a presenza de narradores de Portugal e Brasil é estable.

Doutra banda o español tamén nos permite traer narradores do resto do estado e de todos os países de lingua española como é caso desta edición na que contamos cun narrador peruano.

Pavís Pavós asociámonos hai cerca de 20 anos. Somos xente que traballamos noutros campos pero que compartimos o gusto por escoitar, contar, en definitiva por compartir contos.  Como os recursos e o tempo do que dispoñemos son poucos,suplímolo co apoio incondicional do Concello de Pontevedra que se implicou dende o principio neste proxecto.

A piques de comezar a cuarta edición andamos ilusionados e devecemos porque chegue o día, ese momento no que a voz dos contadores nos faga recoñecernos nas historias que debullen para nós. 

setefalares

Xacobe Rodríguez e Tareixa Alonso